Praza Pública

É tempo dunha resposta política unitaria da esquerda

    O catorce de xullo quedou definitivamente constituída a outra pata do novo nacionalismo escindido do BNG, esta vez en torno ó Encontro Irmandiño. Baixo a denominación de ANova - Irmandade Nacionalista, este proxecto que se pretende asembleario, aberto e plural defende un modelo social, a democracia participativa, o feminismo, o pacifismo e a sustentabilidade ecolóxica, e reivindica o carácter de nación para Galicia.
    Ademais de Xosé Manuel Beiras e de Martiño Noriega, do Encontro Irmandiño, está na lista das setenta e cinco persoas que van dirixir a nova formación o fundador da FPG Mariano Abalo, que é concelleiro de Cangas por ACE, unha coalición de esquerdas na que participa tamén Esquerda Unida. O destacable deste feito consiste en que Abalo se pronuncia a favor de que EU participe co proxecto de ANova, co argumento de que a coalición que funciona en Cangas pode funcionar tamén a nivel de Galicia.
     Pero a cuestión da unidade política da esquerda non é só de posibilidade senón, e de forma urxente, de necesidade. Ante o desmantelamento do estado de benestar que se está a producir por parte do goberno da dereita coa escusa da crise (crise que aproveitan para facer todo o que morrían por facer desde hai anos), estamos nun momento histórico no que todo o social vai quedar definitivamente esnaquizado se non se produce unha resposta unitaria contundente da esquerda social e política.
     É evidente que PP, PSdeG e BNG van presentarse sós ás eleccións autonómicas. Os tres van lastrados electoralmente. O PP, pola inoperatividade do goberno de Feijoo e as medidas antisociais de Rajoy, que empobrecen ás persoas traballadoras, pero deixan intactas as rendas do capital, as grandes fortunas e a asignación á igrexa católica. O PSdeG, polas súas liortas internas fomentadas polo alcalde de Vigo, Abel Caballero, pola debilidade do seu líder, Patxi Vázquez, e pola incógnita acerca de quen vai ser finalmente o seu candidato (terminará aterrando José Blanco?). O BNG, polas escisións trala asemblea de Amio, o control ideolóxico da UPG e unha liña política errada nos últimos anos.

    O resto do espectro político pode dividirse en dous polos. No primeiro atopamos ANova e Compromiso por Galicia (CxG, no que están Máis Galiza, Espazo Ecosocialista e Acción Galega ademais doutros colectivos). Resultaría completamente inadmisible a nivel político que CxG e ANova non chegasen a un acordo para presentarse xuntos. Tal como o expresa o Espazo Ecosocialista, hai que deixar a un lado a competencia polo espazo político e pasar a unha cooperación das forzas plurais complementarias que existen na esquerda. Cando o neoliberalismo está a levar a cabo unha acometida contra todo o público, non podemos centrarnos nas nosas diferenzas senón que temos que apostar polo que nos une.
     No outro polo da esquerda, temos a Esquerda Unida e a EQUO. IU está crecendo en toda España como resposta á crise e ás medidas do PP mentres que EQUO dispón dun certo prestixio político polo acerto das súas propostas programáticas, aínda que ten un respaldo electoral cativo polo de agora. A colaboración entra ámbalas dúas forzas non debería resultar problemática en Galicia tendo en conta o que dixo o Secretario de Refundación e Movementos Sociais de IU, Enrique Santiago, no Congreso Constituínte de EQUO de principios de xullo: “Traémosvos unha man aberta, tendida. Temos a obriga de encontrarnos no camiño, acordar programas e traballar conxuntamente. É a vontade de IU. Necesitámosvos moitísimo e ó que representades. É imprescindible sumar, sen exclusións, sen receos, para unha alternativa”.
    A confluencia electoral entre estes dous polos (o de CxG/ANova e o de EU/EQUO) non debería resultar imposible tendo en conta a gravidade da situación actual, que obriga a actuar con responsabilidade e intelixencia, e que tanto EU como EQUO recoñecen o carácter nacional de Galicia: EU xa defendeu un estatuto de nación na malograda reforma iniciada baixo o anterior goberno galego e EQUO Galicia exprésao claramente na súa declaración ideolóxica: "A identidade nacional propia e o dereito a plasmala institucionalmente están no noso país vinculados ó concepto mesmo de cidadanía. Os que compomos EQUO Galicia non só recoñecemos esta realidade senón que estamos comprometidos co fortalecemento do noso sentimento como pobo". Ademais tanto IU como EQUO participan xa en coalicións electorais con partidos nacionalistas, por exemplo en Cataluña (ICV) e en Valencia (Compromis). Dado que EU aspira a sacar un escano na Coruña e outro en Pontevedra extrapolando os seus resultados nas xerais pasadas, o acordo ó que cheguen as catro forzas debería asegurarlle polos menos un escano a EU no parlamento galego.
    A cidadanía ten dereito a esixirlles a esas catro forzas que se poñan de acordo para infrinxirlle á dereita unha derrota electoral que obrigue ó goberno de Rajoy a reconsiderar a súas medidas. Non ten sentido que unhas forzas que se moven no espectro político da esquerda e só poden aspirar a gobernar Galicia xuntas non sexan capaces de chegar a acordos previos para presentar candidaturas conxuntas, aumentando así as posibilidades de gañar as eleccións. E a cidadanía ten tamén o dereito, case a obriga, de castigar a calquera desas catro forzas que, por consideracións partidistas, fundamentalismo ideolóxico ou miopía política, rexeite chegar a ese acordo imprescindible.

Repetirá o novo nacionalismo os erros do pasado?

     O Novo Proxecto Común (NPC) de Beiras e o Compromiso por Galicia (CxG) están constituíndose como novas forzas políticas que, cabe supoñer, acabarán uníndose nunha coalición electoral, coa axuda do cinco por cento da lei electoral. A pregunta é se repetirán os mesmos erros que levaron o BNG a esmorecer para terminar escindíndose.

1.- O primeiro erro do BNG foi abrirse ó centro nun intento de ampliar a súa base electoral, o que provocou unha dilución do seu perfil de esquerda. O seu posible electorado galeguista sensible ó social non ve que o BNG poña no primeiro plano a oposición dereita / esquerda senón máis ben o seu obxectivo da construción nacional. A dereita estannos desmontando todos os servizos públicos (a educación, a sanidade, etc.), a xente hipotecada queda sen traballo e bótana do piso, perde os aforros nas preferentes, etc.; pero o que transmite o BNG é que a solución para todo é que sexamos nación e falemos galego.
    A cuestión para o novo nacionalismo do CxG é se ten cabida nel Rafael Cuiña e outras persoas de Acción Galega, cun perfil tan centrista que non leva a crer que estean realmente interesados en transformar a realidade social. Unha pregunta sen resposta é que facía o BNG nas eleccións europeas xunto ó PNV e a CiU, dúas forzas conservadoras, cando pode constituír unha lista electoral con cataláns e vascos, si, pero con ERC e EA, que son partidos de esquerda. Non se entende incluso que non constrúan unha alianza a nivel de España para defender propostas comúns: non é o mesmo ver dous deputados do BNG perdidos no grupo mixto do Parlamento de Madrid que un grupo parlamentario forte formado por todos os partidos nacionalistas de esquerda do Estado, o que sería moito máis atractivo electoralmente. Van o NPC e o CxG constituír alianzas con outras forzas do Estado ou van ficar illadas de forma tan limitadora como o BNG?
2.- Paralelo ó fallo de dar prioridade ó nacionalismo sobre a esquerda, o BNG cometeu o erro de non abrirse ós galeguistas que non senten un nacionalismo identitario. Hai que ter en conta que o nacionalismo identitario é unha idea romántica do século XIX que ten pouco atractivo para persoas con mentalidade de século XXI. Cando se deixou de crer en todo, non se pode pretender que unha persoa moderna adopte o nacionalismo como se fose unha relixión secular. Do que debe falar unha forza política progresista é de que medidas quere adoptar para transformar a realidade social e non de cales son os seus sentimentos sobre a identidade. No primeiro caso pódese atraer a galeguistas votantes do PSdG ou de EU; no segundo só caben interminables discusións metafísicas acerca do ser das cousas, o que non leva a ningures.
    O novo nacionalismo véndenos a idea de que quere abrirse ás persoas galeguistas, pero logo di que o nacionalismo é a expresión política do galeguismo, demostrando así que segue sen entender por que o BNG fracasou no seu intento de converterse nunha forza maioritaria. Deste xeito non se vai convencer a ninguén: ou se aposta en serio por incorporar o galeguismo ó proxecto ou queda claro que só se está a esconder o que se é para intentar enganar ó electorado escamoteando a palabra "nacionalismo".
3.- Outro fallo do BNG consiste na defensa do nacionalismo desde os dereitos históricos e non desde os obxectivos que se queren conseguir. A cuestión non é teolóxica, se Galicia é ou non unha nación con dereitos históricos, senón para que se quere o dereito a decidir. Para dicilo claramente, se se reclama a autodeterminación para reproducir a menor escala a mesma sociedade neoliberal insolidaria que xa temos agora, non facían falta alforxas para esa viaxe. E se o obxectivo é transformar as cousas cara a unha sociedade máis xusta que desconstrúa o capitalismo, o que debería facerse é subliñar o perfil de esquerdas e non diluílo no nacionalista.

4.- O último erro do BNG ó que nos imos referir é a súa falta de apertura á nova esquerda, ó ecoloxismo e á rexeneración democrática, quedando ancorado en vellos modelos políticos. O NPC e o CxG parece que o teñen claro e reivindican novas formas de facer política. A pregunta que cabe facer é se son realmente sinceros ou a cousa se reduce a simple propaganda interesada só para presentarse como algo novo, desaparecendo todo en canto se empecen a ter resultados electorais. O Espazo Ecosocialista pretende recoller dentro do CxG estas novas formas da esquerda desde o ecoloxismo e o galeguismo, pero non está nada claro que teña a forza suficiente para inclinar a balanza fronte a un nacionalismo identitario que pode volver a inundalo todo, especialmente no NPC pola presencia do soberanismo (FPG, Causa Galicia, etc.), e caer outra vez nos mesmos erros do pasado; o tempo nolo dirá.
A pesar de que o nacionalismo xogou un papel central na recuperación da autoestima galega, o sentimento nacionalista ten unha pulsión identitaria moi forte que admite mal consideracións racionais e que gusta de caer en políticas de trincheiras, deixando os galeguistas de esquerda que non queremos ser nin nacionalistas galegos nin nacionalistas españois en terra de ninguén e vistos como traidores por ámbolos dous lados.

Hai alternativas (III): o reparto do traballo

     O desemprego en España non é provisional senón estrutural, polo que non cabe esperar que se vaia resolvendo cun novo ciclo de crecemento ó catro por cento; é sistémico e precisa dun cambio radical da concepción social do traballo e do seu reparto.

1.- Como é posible que a xente teña que traballar ata case os setenta anos mentres lles resulta case imposible atopar un emprego ás persoas de vinte e trinta? É evidente por que as cousas son así: se a xente se xubila antes hai que pagarlles a pensión mentres que, se as persoas novas están no paro, a súa subsistencia corre a cargo dos seus pais e das súas nais, as mesmas persoas ás que non se deixa xubilar para que a súa descendencia poida encontrar un emprego. Desta forma os orzamentos non teñen que telas en conta: é o mundo ó revés, rexido por contables en lugar de por persoas con sentido común.
     Os economicistas poden responder que o custe das pensións fai inviable que se adiante a xubilación, e este é un argumento que hai que ter en conta. Pero existen alternativas á irracional situación actual. Seguro que as persoas novas preferirían poder traballar antes aínda que tivesen que pagar máis impostos durante os primeiros anos para pagar as pensións das persoas que deixarían o seu emprego para elas, sobre todo tendo en conta que estas últimas serían estatisticamente os seus pais e as súas nais. Non é, evidentemente, necesario que este proceso de substitución se faga nominalmente posto por posto, senón de forma xeral, rebaixando a idade de xubilación para xerar vacantes.
Hai alguén ó que non lle pareza máis lóxico que as persoas que traballen sexan as novas mentres a xente maior se xubile antes para deixar sitio a quen ten máis enerxía e coñecementos actuais, aumentando así a produtividade de xeito indirecto?
2.- Non ten sentido que unhas persoas non cheguen a final de mes por non ter traballo mentres outras non dan conciliado a vida laboral e a vida familiar porque as fan traballar xornadas interminables. Os bens escasos deben repartirse e o traballo é un deles. Non ten lóxica que unhas persoas teñan que recibir subsidios asistenciais para sobrevivir mentres a outras lles aumentan os impostos para cubrir este gasto. Non sería máis razoable que se reducise a xornada laboral para poder contratar máis xente, repartíndose así o traballo dispoñible entre todos? Esta redución pode facerse por sectores: nos que haxa menos paro, menos redución, nos que haxa máis paro, máis redución.

3.- Como é posible que non se potencie a xornada parcial para que todo o mundo teña un emprego en lugar de que a metade da poboación teña que traballar para manter á outra metade? Así, por exemplo, as dúas persoas que forman unha parella poderían encontrar traballos a media xornada en lugar de que unha estea condenada a ficar na casa mentres a outra case vive no traballo sen apenas ver a súa descendencia. Moita xente estaría interesada en ter unha xornada reducida se iso se institucionalizase para que non fose mal visto pola empresa como signo de falta de compromiso da persoa traballadora. Coa redución da xornada laboral do punto anterior e coa xornada parcial que estamos a ver, o número de persoas que poderían entrar no mercado laboral sería moi apreciable.

4.- Estas medidas poden poñerse en marcha progresivamente, primeiro na administración, logo como condición para as empresas que queiran solicitar subvencións ou concesións públicas e, finalmente, estenderse á empresa privada de forma xeral. Os cambios deben facerse paulatinamente para ir comprobando a súa eficacia e dar tempo a que os actores sociais afectados poidan adaptarse á nova situación. Pero esta progresividade non se debe confundir con falta de rumbo, de non saber onde se está e cara a onde se quere ir.

5.- A única explicación para que isto non se poña en marcha é a falta de valentía dos políticos actuais para explicarlle á poboación as vantaxes da medida. Os políticos tradicionais só pensan na reelección e apártanse todo o que poden de calquera cousa que represente un problema, aínda que só sexa o de que haxa que explicar algo. Non están interesados en transformar a realidade a mellor senón en vivir tranquilos no seu cargo. É evidente que os que teñen emprego a xornada completa van poñer algún tipo de reticencia a que se reparta o traballo. Isto se agrava co feito de que os parados exercen escasa presión sobre os gobernos dado que adoitan ter baixa formación e consciencia política, mentres que os que traballan soen ter máis recursos de todo tipo para opoñerse.
     O único que hai que explicar é que todo o mundo gaña: o estado precisaría menos gasto para desemprego, as empresas tería traballadores máis produtivos dado que a súa xornada sería máis curta e os traballadores pagarían menos impostos, terían mellor calidade de vida ó traballar menos e o seu posto estaría máis seguro dado o descenso do paro e a reactivación económica inducida por este feito.

    Hai alternativas; o único que se precisa é capacidade para concretalas e vontade política para poñelas en marcha.

Hai alternativas (II): a función social da propiedade privada

1.- O neoliberalismo considera á propiedade privada como un dereito natural inalienable, como se a mesma natureza fose a que lles da o privilexio de reservarse en exclusiva para eles unha parte do que existe. Sen embargo, a propiedade privada é o resultado de interaccións sociais e ninguén ten nada se non é en parte como consecuencia do que recibiu dos demais. Bill Gates non sería o dono de Microsoft sen os coñecementos que recibiu da sociedade ou se as leis mercantís non favorecesen a posibilidade do seu negocio. Non existe o dereito natural senón que só hai dereito positivo, o que redactan os parlamentos baseándose na racionalidade das cousas. A propiedade privada non é un dereito absoluto senón só un dereito suxeito a limitacións.

2.- Pero non fai falla ser un marxista ortodoxo para poñer en cuestión o carácter absoluto da propiedade privada; a propia Constitución Española no seu artigo 33 expresa claramente a función social que debe ter a propiedade privada e a posibilidade de expropiacións legais: “1) Recoñécese o dereito á propiedade privada e á herdanza. 2) A función social destes dereitos delimitará o seu contido, de acordo coas leis”.
3.- Tanto Cataluña como o País Vasco estudan penalizar os pisos baleiros, fomentando así que se aluguen e teñan algún tipo de utilidade. O que non se pode permitir é un proceso irracional no que a propiedade non se adquire pola súa propia utilidade senón só como soporte especulativo para acaparar uns bens e revendelos despois con inxentes beneficios. E isto que se di dos pisos a nivel de particulares rexe tamén para tódalas materias primas que as multinacionais adquiren no mercado de futuros, como os cereais, monopolizando o seu control para subir os prezos, condenando así á fame a millóns de persoas no terceiro mundo. Este tipo de cousas teñen que ser prohibidas radicalmente.

4.- Os labregos andaluces piden reiteradamente que os latifundios improdutivos dos terratenentes sexan obrigados a poñerse en uso para dar traballo ó inmenso colectivo de parados do campo. Temos en Galicia unha infinidade de pequenas fincas e montes sen ningún tipo de uso e os seus donos non saben, moitas veces, nin onde se atopan os seus terreos. Isto, ademais de ser unha fonte de combustible incontrolado para os incendios, é un desperdicio de recursos naturais. Tendo en conta o paro que hai, non se entende que non se aproveiten eses terreos para que alguén os poida traballar. Deberíase polo tanto crear un banco de terras e seguro que os donos que non os utilizan agora estarían encantados de telos limpos e de recibir un aluguer pola súa utilización.
5.- Pero, se falamos de propiedade privada, non estamos a pensar só en pisos e en terras senón tamén na propiedade dos medios de produción. As empresas están para cumprir unha función social (a de satisfacer algunha necesidade pública) e non para enriquecerse creando necesidades ficticias ou un consumismo suicida. Trátase de que as empresas dean un servizo social, gañando algo a cambio, e non de que fomenten o produtivismo incrementando os residuos; tampouco se trata de que cren necesidades falsas ó utilizar insistentemente a publicidade para meternos na cabeza que non podemos ser felices sen a última xeración de móbil. Tampouco deberían as empresas acaparar un sector da economía para xestionalo de forma abusiva en réxime de cuasi-monopolio. No caso dos bancos, a súa finalidade é facilitar o crédito ós particulares e ás empresas e non espremer á poboación permanentemente, privatizando os beneficios cando as cousas van ben e socializando ás perdas cando toca rescatalos.

6.- Esta esixencia de utilidade á propiedade empresarial tamén apunta os seus produtos: estes deben ser apoiados ou penalizados en función tanto da súa utilidade social como do contaminantes que sexan eles ou o seu proceso de produción. Estase a falar a nivel internacional de poñer un imposto contra a comida basura polos seus efectos nocivos. Isto pode ampliarse a tódolos produtos rebaixando os impostos dos socialmente beneficiosos e aumentando os dos prexudiciais.

7.- Para rematar: o que compre é esixir á propiedade privada que teña unha utilidade social e deixe de servir ben de ferramenta de explotación ben de parasitismo social ben de acaparamento improdutivo de recursos. Hai que acabar coa manipulación empresarial dos medios de comunicación que nos inculcan que o único sagrado nesta sociedade é a propiedade privada e non a satisfacción das necesidades humanas básicas: a función da economía é a de estar ó servizo das persoas e non, como sucede agora, que son as persoas as que están ó servizo da economía.

    Hai alternativas, o único que precisamos é intelixencia para concretalas e vontade política para poñelas en marcha.

Hai alternativas (I): Renda Básica Universal

     Dende a ortodoxia neoliberal pretenden facernos crer que non existen alternativas á crise e que temos que aceptar sen crítica a eliminación de servizos sociais para reducir o déficit como dogma oficial. Isto non é certo e imos ver que si temos políticas diferentes entre as que elixir.

Renda Básica Universal: que é?

    A Renda Básica Universal é un ingreso que recibe do estado cada persoa pola súa simple condición de cidadanía. É básica porque o seu obxectivo é cubrir as necesidades máis elementais da persoa. É universal porque ninguén queda excluído de recibila independentemente das súas condicións persoais. A Renda Básica é algo que se podería poñer en marcha dende a Xunta de Galicia sen ningún problema.

Que beneficios ten a Renda Básica Universal?

    No actual momento de crise económica (crise da que non imos saír en moitos meses), o risco de exclusión social de moitas persoas que quedaron sen ingresos familiares é moi alto. A Renda Básica Universal pode remediar este problema dando uns ingresos mínimos que permitan a estes sectores sobrevivir dignamente sen caer na marxinalidade, vivir na rúa ou depender da caridade dos demais.
     Desde un punto de vista só económico, a Renda Básica Universal tamén ten beneficios porque pode servir de estímulo á reactivación económica, dado que o importe que reciban as familias en peor situación vai ser gastado na súa totalidade para cubrir as necesidades básicas de alimentación, vivenda, auga, etc. converténdose así nunha axuda indirecta aos sectores que prestan eses servizos e que poden encontrarse tamén nunha situación crítica.

Por que deben recibir tódalas persoas a Renda Básica Universal?

     Existe unha argumentación demagóxica e manipuladora consistente en preguntar por que deberíamos todas as persoas pagarlle a sanidade a Botín, argumentación que se aplicaría inmediatamente á Renda Básica. A cuestión é que Botín seguramente está a pagar cos seus impostos a sanidade de centos ou miles de persoas incluído el mesmo, polo que non ten ningún sentido falar de que lla pagamos os demais cando é xusto ó contrario. Evidentemente podemos preguntar se Botín debería pagar moitos máis impostos, cousa bastante razoable, pero a cuestión é que en ningún caso vai ninguén a pagar a sanidade de Botín cos seus impostos porque xa a paga el moitas veces. E isto que é aplicable á sanidade serve tamén para a Renda Básica.
    Pero a razón principal pola que todas as persoas deben recibir a Renda Básica Universal pódese ver se se fai unha análise no tempo: se existe un grupo de persoas que non cobran a Renda Básica, vaise producir unha presión dese grupo para a) reducir o importe da Renda e b) aumentar as condicións para que a xente a poida cobrar, co que iría conseguindo estes obxectivos de forma paulatina. Ó final este proceso conduce inexorablemente a unha liquidación da Renda ó convertela en algo completamente marxinal como son hoxe as pensións non contributivas.

 Financiamento da Renda Básica Universal

     En primeiro lugar, a Renda Básica Universal ven substituír outros ingresos como son os do desemprego, as pensións de xubilación, as non contributivas por situacións extremas ou as de dependencia. No caso das pensións de xubilación e de dependencia, en lugar de substituír a pensión, a Renda Básica debe simplemente restarse do total para non prexudicar ás persoas interesadas, para que non cobren menos.
A Renda Básica Universal ten outra vantaxe: ó non estar condicionada a ningunha situación extrema, non existe ningún incentivo para permanecer en situación marxinal para seguir cobrando, co cal a xente pode intentar saír dela sen medo a perder os poucos ingresos que recibe porque non dependen de en que situación estea en cada momento.
    Ademais de substituír outros ingresos, o financiamento da Renda Básica debe vir por un aumento dos impostos: a) aumento do IRPF ata acadar niveis europeos, b) imposto do patrimonio, c) imposto de sucesións, d) impostos as empresas que explotan recursos naturais, públicos ou os contaminan, como as enerxéticas (hidráulicas, eólicas, centrais térmicas, etc.), as autoestradas de peaxe, os bancos, etc.

As escusas neoliberais

    É evidente que as persoas neoliberais se van opoñer á Renda Básica Universal porque non lles entra na cabeza ningún tipo de actitude solidaria senón que, para elas, todo é mercancía ou mercantilizable. A primeira escusa que van presentar contra a Renda é que vai fomentar o parasitismo social e que moita xente vai deixar de traballar en canto cobre uns ingresos seguros de forma indefinida. Isto é moi pouco probable: as persoas temos ansias por mellorar, cousa que sempre intentamos. Así o que cabe esperar é que a Renda Básica sirva de solo de seguridade para empezar a buscar algún tipo de traballo ben como asalariado ben como autónomo.
     De todos os xeitos, comparando o que esta situación minoritaria pode custarnos con todos os millóns que se lle van meter ó sector bancario para reflotar as súas incompetencias e malversacións, resultaría que estamos a falar do chocolate do loro. E incluso así, a Renda Básica das poucas persoas que pretendan vivir só con ela repercutiría positivamente na economía dado que terían que gastala enteira para cubrir as súas necesidades máis básicas, co cal se produciría certa reactivación.
Finalmente cabe subliñar algo que seguro lles gustará ás persoas neoliberais, esa xente de orde, e é a redución da delincuencia orixinada polas situacións marxinais causadas pola crise, co conseguinte aforro en gastos policiais e xudiciais.
    A cuestión non é que non haxa alternativas á crise actual senón se temos capacidade técnica para deseñalas e vontade política para poñelas en marcha.

Contaminación pública, ganancias privadas

     Cando falamos de saúde e de beneficios empresarias, o primeiro que nos vén á cabeza é o actual intento do goberno do PP de privatizar a sanidade pública para convertela nunha fonte de ganancias empresariais, aínda que no camiño haxa que deixar sen atención médica ós sectores máis desfavorecidos da poboación. Mentres as persoas defensoras do social vemos a economía como un medio para satisfacer as necesidades públicas vitais, os neoliberais ven as necesidades vitais exclusivamente como oportunidades económicas de conseguir beneficios empresariais privados.
     Pero do que queremos falar hoxe é de como as empresas conseguen os seus beneficios privados en parte grazas a que non se fan cargo dos residuos tóxicos que xera a súa actividade industrial, deixando que a xente cargue coas enfermidades derivadas e co seu custe económico. Parte dos ingresos industriais corresponden así directamente á transformación da saúde pública en dividendos privados.
    A contaminación nuclear non consiste só no seus residuos (que teñen una radioactividade mortal de miles de anos) senón tamén nos accidentes nas centrais nucleares: compensa toda a produción pasada de enerxía nuclear xaponesa a desfeita medioambiental actual do accidente de Fukushima?
Durante anos o Reino Unido tirou bidóns de residuos nucleares fronte a Galicia, na fosa atlántica, mostrando así claramente a súa irresponsabilidade empresarial. Estase a utilizar radiación ionizante para esterilizar algúns alimentos e aumentar a súa data de caducidade, sen que haxa estudos definitivos sobre a súa inocuidade. A contaminación electromagnética está por todas partes: desde os cables de alta tensión ata os teléfonos móbiles ou os microondas, co conseguinte aumento de cancro na poboación.

    O quencemento global é moi perigoso porque o seu carácter planetario e os procesos de realimentación fan que sexa algo difícil de reverter unha vez que supere determinado punto de non retorno. A auga vai ser un problema endémico para a supervivencia de centos de millóns de persoas no planeta, á vez que imos ter un clima máis extremo, con períodos prolongados sen chuvia seguidos doutros con riadas e tornados. A destrución da capa de ozono producida por produtos artificiais como os CFC aumenta o risco de cancros ó deixar pasar as radiacións nocivas do Sol.
     A proliferación de plásticos tóxicos na maioría dos produtos fai que xa teñamos presenza dos seus compoñentes no sangue, coas conseguintes consecuencias na saúde: cancros, desaxustes hormonais, diminución da fertilidade humana, etc. Os produtos artificiais como conservantes, colorantes, etc. están presentes en case tódolos artigos que consumimos, con consecuencias nocivas para a saúde. Os materiais sintéticos industriais como o PVC ou o amianto son fontes de enfermidades en moitos casos mortais. Os metais pesados contaminan todo o noso entorno, desde o chumbo ata o mercurio, pasando polo cobre. Non son biodegradables, senón que se acumulan ó longo da cadea alimentaria intoxicándonos e producindo malformacións no embarazo.
     Os transxénicos están a estenderse na agricultura, fomentando a resistencia das bacterias ós antibióticos, o abuso de pesticidas tóxicos e a aparición de consecuencias ecolóxicas irreversibles ó introducir xenes artificiais na natureza. Isto ademais do risco de reducir a diversidade natural de especies agrícolas ó centrarse a produción nas poucas especies que venden as multinacionais transxénicas.
 
    A táctica que utilizan as empresas para seguir coas súas actividades industriais tóxicas consiste en inverter a carga da proba ó afirmar que non existe ningún estudo que demostre que os seus produtos son nocivos para a saúde. Sen embargo, o procedemento no ámbito da saúde é exactamente o contrario: do mesmo xeito que un medicamento ten que superar anos de experimentación para demostrar que non representa un risco para a saúde polos seus efectos secundarios, os produtos industriais deberían tamén probar que son inocuos antes de permitirse o seu uso. Non ten sentido someter á poboación a anos de exposición a materiais tóxicos para ter que retiralos ó cabo do tempo pola presión social froito de estudos independentes.

    Os neoliberais din que é o prezo do progreso; pero para que isto fose aceptable tería que ser algo aprobado por unha decisión democrática e non pola imposición tecnocrática dunha minoría parasitaria. O progreso tamén é posible sen que trasladen á poboación os custes de vidas das actividades empresariais tóxicas, valéndose da desinformación sistemática. Nos últimos decenios os casos de cancro de mama pasaron de unha muller de cada vinte a unha de cada oito na actualidade. E esta situación de aumento de enfermidades e mortes non é exclusiva dos países ricos senón que se da tamén nos países pobres, nos que a contaminación medioambiental chega a cotas escandalosas pola falta de presión social.

Dous mitos do mercado libre neoliberal

     Cando se argumenta contra o neoliberalismo, adoitase partir dunha crítica a dous dos seus axiomas, caendo na trampa de dar por certos o que non son máis que dúas mentiras tendenciosas. A primeira desas mentiras é a de que o mercado libre leva á competencia e, dado que a competencia é boa, o mercado tamén; co corolario de que canto máis desregulado estea o mercado máis potencia a competencia. Isto é falso porque o que rexe o mercado é a lei da oferta e da demanda, e esta non leva sempre á competencia senón moitas veces a todo o contrario, cando un axente económico controla a oferta.

    A situación real de competencia non é estable e pode terminar por producir un monopolio da oferta ou un oligopolio onde se da concertación de prezos en contra das persoas que usan eses produtos ou servizos. Cada pouco tempo saen nos medios de comunicacións sancións a empresas que abusan da súa posición dominante porque teñen a totalidade da oferta nas súas mans ou porque chegan a acordos secretos ilegais coas empresas coas que deberían estar competindo. Tanto os Estados Unidos coma a Unión Europea teñen multado a Microsoft polas súas prácticas monopolistas.
    Isto mesmo ocorre periodicamente coas multinacionais enerxéticas, de telecomunicacións, de sanitarios, de mobiliario, etc. como podemos comprobar se repasamos as noticias dos últimos anos. Hai que ter en conta que non se sancionan estas prácticas ilegais tódalas veces que se producen porque son moi difíciles de probar, dado que non existe nada material ou físico que as incrimine senón que todo se fai de palabra.
    Polo tanto, a primeira conclusión que debemos ter presente cando critiquemos o neoliberalismo é que o mercado libre non leva irremediablemente á competencia senón que demasiadas veces produce á súa desaparición en forma de monopolio ou oligopolio. O obxectivo da nosa crítica debe centrarse no mercado libre e non na competencia deixando de identificar ámbalas dúas para non caer na trampa de apuntar á competencia, máis difícil de criticar, cando deberíamos estar apuntando ó mercado libre, o culpable das inxustizas económicas e sociais actuais.
     A segunda mentira interesada que pretende colarnos o neoliberalismo é que a economía se rexe polo mercado libre. Isto é certo para os autónomos e as pequenas empresas, pero é falso para as multinacionais que basean a consecución do seu espazo empresarial grazas á súa conivencia co poder político cun intercambio de favores recíprocos: as multinacionais financian os partidos para que estes lexislen ó seu favor e lles reserven sectores económicos que se sacan directamente da competencia do mercado libre. Así, os sectores enerxéticos, de telecomunicacións, de autoestradas, bancarios, etc. conseguen dispoñer dun espazo sen unha competencia real grazas a unhas concesións administrativas xenerosas e a unha lexislación que os protexe de posibles competidores.

    O proceso é sempre o mesmo: consiste en buscar un sector que se poida pechar á competencia para darllo ás empresas amigas con concesións feitas a medida. Cando a Xunta de Feixoo anula o concurso eólico feito polo goberno de coalición PSdG-PSOE - BNG (concurso que logo foi declarado axustado a dereito polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia), non o fai por unha inexistente irregularidade senón para repartir entre as empresas afines este recurso que é de todos. As privatizacións de empresas públicas que se deixan en mans amigas, a desarticulación das caixas de aforros públicas a favor dos bancos privados, as concesións a multinacionais enerxéticas ou de telecomunicacións, etc. perseguen todas este mesmo obxectivo: secuestrar recursos existentes que son de todos e concederllos ás empresas elixidas, fóra de calquera tipo de xogo de libre mercado.
 
    O descaro é tal que, por exemplo, cando a concesión dunha autoestrada está a punto de vencer, tendo que volver ó dominio público, invéntase algunha escusa para prolongala vintecinco anos máis como sucedeu coa autoestrada Coruña - Vigo cando se fixo o ramal a Ferrol, pasando a data de finalización da concesión do 2023 ó 2048. Pero que ninguén se preocupe, que todo isto é legal, máis que nada porque quen reparte así tan suculento botín é quen fai as leis que permiten esta desfeita.

    Polo tanto, o que non debemos esquecer cando critiquemos o neoliberalismo é que nos sectores onde se move máis diñeiro non rexe o mercado libre senón que a conivencia entre o poder económico e o poder político permite que se secuestren uns recursos que deberían repercutir a favor de toda a cidadanía e non o fan, converténdose estas empresas en parásitos da sociedade. Non debemos caer na trampa de apuntar ó mercado libre na nosa crítica ó neoliberalismo cando esteamos ante unha situación que cabería cualificar de corrupción empresarial se non fose porque é algo que se encargaron eles mesmos de que sexa plenamente legal.