O desemprego en España non é provisional senón estrutural, polo que non
cabe esperar que se vaia resolvendo cun novo ciclo de crecemento ó
catro por cento; é sistémico e precisa dun cambio radical da concepción
social do traballo e do seu reparto.
1.- Como é posible que a xente teña que traballar ata case os
setenta anos mentres lles resulta case imposible atopar un emprego ás
persoas de vinte e trinta? É evidente por que as cousas son
así: se a xente se xubila antes hai que pagarlles a pensión mentres que,
se as persoas novas están no paro, a súa subsistencia corre a cargo dos
seus pais e das súas nais, as mesmas persoas ás que non se deixa
xubilar para que a súa descendencia poida encontrar un emprego. Desta
forma os orzamentos non teñen que telas en conta: é o mundo ó revés,
rexido por contables en lugar de por persoas con sentido común.
Os economicistas poden responder que o custe das pensións fai inviable
que se adiante a xubilación, e este é un argumento que hai que ter en
conta. Pero existen alternativas á irracional situación actual. Seguro
que as persoas novas preferirían poder traballar antes aínda que tivesen
que pagar máis impostos durante os primeiros anos para pagar as
pensións das persoas que deixarían o seu emprego para elas, sobre todo
tendo en conta que estas últimas serían estatisticamente os seus pais e
as súas nais. Non é, evidentemente, necesario que este proceso de
substitución se faga nominalmente posto por posto, senón de forma xeral,
rebaixando a idade de xubilación para xerar vacantes.
Hai alguén ó que non lle pareza máis lóxico que as persoas que
traballen sexan as novas mentres a xente maior se xubile antes para
deixar sitio a quen ten máis enerxía e coñecementos actuais, aumentando
así a produtividade de xeito indirecto?
2.- Non ten sentido que unhas persoas non cheguen a final de
mes por non ter traballo mentres outras non dan conciliado a vida
laboral e a vida familiar porque as fan traballar xornadas
interminables. Os bens escasos deben repartirse e o traballo é
un deles. Non ten lóxica que unhas persoas teñan que recibir subsidios
asistenciais para sobrevivir mentres a outras lles aumentan os impostos
para cubrir este gasto. Non sería máis razoable que se reducise a
xornada laboral para poder contratar máis xente, repartíndose así o
traballo dispoñible entre todos? Esta redución pode facerse por
sectores: nos que haxa menos paro, menos redución, nos que haxa máis
paro, máis redución.
3.- Como é posible que non se potencie a xornada parcial para
que todo o mundo teña un emprego en lugar de que a metade da poboación
teña que traballar para manter á outra metade? Así, por
exemplo, as dúas persoas que forman unha parella poderían encontrar
traballos a media xornada en lugar de que unha estea condenada a ficar
na casa mentres a outra case vive no traballo sen apenas ver a súa
descendencia. Moita xente estaría interesada en ter unha xornada
reducida se iso se institucionalizase para que non fose mal visto pola
empresa como signo de falta de compromiso da persoa traballadora. Coa
redución da xornada laboral do punto anterior e coa xornada parcial que
estamos a ver, o número de persoas que poderían entrar no mercado
laboral sería moi apreciable.
4.- Estas medidas poden poñerse en marcha progresivamente,
primeiro na administración, logo como condición para as empresas que
queiran solicitar subvencións ou concesións públicas e,
finalmente, estenderse á empresa privada de forma xeral. Os cambios
deben facerse paulatinamente para ir comprobando a súa eficacia e dar
tempo a que os actores sociais afectados poidan adaptarse á nova
situación. Pero esta progresividade non se debe confundir con falta de
rumbo, de non saber onde se está e cara a onde se quere ir.
5.- A única explicación para que isto non se poña en marcha é a
falta de valentía dos políticos actuais para explicarlle á poboación as
vantaxes da medida. Os políticos tradicionais só pensan na
reelección e apártanse todo o que poden de calquera cousa que represente
un problema, aínda que só sexa o de que haxa que explicar algo. Non
están interesados en transformar a realidade a mellor senón en vivir
tranquilos no seu cargo. É evidente que os que teñen emprego a xornada
completa van poñer algún tipo de reticencia a que se reparta o traballo.
Isto se agrava co feito de que os parados exercen escasa presión sobre
os gobernos dado que adoitan ter baixa formación e consciencia política,
mentres que os que traballan soen ter máis recursos de todo tipo para
opoñerse.
O único que hai que explicar é que todo o mundo gaña: o estado
precisaría menos gasto para desemprego, as empresas tería traballadores
máis produtivos dado que a súa xornada sería máis curta e os
traballadores pagarían menos impostos, terían mellor calidade de vida ó
traballar menos e o seu posto estaría máis seguro dado o descenso do
paro e a reactivación económica inducida por este feito.
Hai alternativas; o único que se precisa é capacidade para concretalas e vontade política para poñelas en marcha.