1.- O neoliberalismo considera á propiedade privada como un dereito natural inalienable,
como se a mesma natureza fose a que lles da o privilexio de reservarse
en exclusiva para eles unha parte do que existe. Sen embargo, a
propiedade privada é o resultado de interaccións sociais e ninguén ten
nada se non é en parte como consecuencia do que recibiu dos demais. Bill
Gates non sería o dono de Microsoft sen os coñecementos que recibiu da
sociedade ou se as leis mercantís non favorecesen a posibilidade do seu
negocio. Non existe o dereito natural senón que só hai dereito positivo,
o que redactan os parlamentos baseándose na racionalidade das cousas. A
propiedade privada non é un dereito absoluto senón só un dereito
suxeito a limitacións.
2.- Pero non fai falla ser un marxista ortodoxo para poñer en cuestión o carácter absoluto da propiedade privada;
a propia Constitución Española no seu artigo 33 expresa claramente a
función social que debe ter a propiedade privada e a posibilidade de
expropiacións legais: “1) Recoñécese o dereito á propiedade privada e á
herdanza. 2) A función social destes dereitos delimitará o seu contido,
de acordo coas leis”.
3.- Tanto Cataluña como o País Vasco estudan penalizar os pisos baleiros,
fomentando así que se aluguen e teñan algún tipo de utilidade. O que
non se pode permitir é un proceso irracional no que a propiedade non se
adquire pola súa propia utilidade senón só como soporte especulativo
para acaparar uns bens e revendelos despois con inxentes beneficios. E
isto que se di dos pisos a nivel de particulares rexe tamén para tódalas
materias primas que as multinacionais adquiren no mercado de futuros,
como os cereais, monopolizando o seu control para subir os prezos,
condenando así á fame a millóns de persoas no terceiro mundo. Este tipo
de cousas teñen que ser prohibidas radicalmente.
4.- Os labregos andaluces piden reiteradamente que os latifundios improdutivos dos terratenentes
sexan obrigados a poñerse en uso para dar traballo ó inmenso colectivo
de parados do campo. Temos en Galicia unha infinidade de pequenas fincas
e montes sen ningún tipo de uso e os seus donos non saben, moitas
veces, nin onde se atopan os seus terreos. Isto, ademais de ser unha
fonte de combustible incontrolado para os incendios, é un desperdicio de
recursos naturais. Tendo en conta o paro que hai, non se entende que
non se aproveiten eses terreos para que alguén os poida traballar.
Deberíase polo tanto crear un banco de terras e seguro que os donos que
non os utilizan agora estarían encantados de telos limpos e de recibir
un aluguer pola súa utilización.
5.- Pero, se falamos de propiedade privada, non estamos a
pensar só en pisos e en terras senón tamén na propiedade dos medios de
produción. As empresas están para cumprir unha función social
(a de satisfacer algunha necesidade pública) e non para enriquecerse
creando necesidades ficticias ou un consumismo suicida. Trátase de que
as empresas dean un servizo social, gañando algo a cambio, e non de que
fomenten o produtivismo incrementando os residuos; tampouco se trata de
que cren necesidades falsas ó utilizar insistentemente a publicidade
para meternos na cabeza que non podemos ser felices sen a última
xeración de móbil. Tampouco deberían as empresas acaparar un sector da
economía para xestionalo de forma abusiva en réxime de cuasi-monopolio.
No caso dos bancos, a súa finalidade é facilitar o crédito ós
particulares e ás empresas e non espremer á poboación permanentemente,
privatizando os beneficios cando as cousas van ben e socializando ás
perdas cando toca rescatalos.
6.- Esta esixencia de utilidade á propiedade empresarial tamén apunta os seus produtos:
estes deben ser apoiados ou penalizados en función tanto da súa
utilidade social como do contaminantes que sexan eles ou o seu proceso
de produción. Estase a falar a nivel internacional de poñer un imposto
contra a comida basura polos seus efectos nocivos. Isto pode ampliarse a
tódolos produtos rebaixando os impostos dos socialmente beneficiosos e
aumentando os dos prexudiciais.
7.- Para rematar: o que compre é esixir á propiedade privada que teña unha utilidade social
e deixe de servir ben de ferramenta de explotación ben de parasitismo
social ben de acaparamento improdutivo de recursos. Hai que acabar coa
manipulación empresarial dos medios de comunicación que nos inculcan que
o único sagrado nesta sociedade é a propiedade privada e non a
satisfacción das necesidades humanas básicas: a función da economía é a
de estar ó servizo das persoas e non, como sucede agora, que son as
persoas as que están ó servizo da economía.
Hai alternativas, o único que precisamos é intelixencia para concretalas e vontade política para poñelas en marcha.