Dende a ortodoxia neoliberal pretenden facernos crer que non existen
alternativas á crise e que temos que aceptar sen crítica a eliminación
de servizos sociais para reducir o déficit como dogma oficial. Isto non é
certo e imos ver que si temos políticas diferentes entre as que elixir.
Renda Básica Universal: que é?
A Renda Básica Universal é un ingreso que recibe do estado cada persoa
pola súa simple condición de cidadanía. É básica porque o seu obxectivo é
cubrir as necesidades máis elementais da persoa. É universal porque
ninguén queda excluído de recibila independentemente das súas condicións
persoais. A Renda Básica é algo que se podería poñer en marcha dende a
Xunta de Galicia sen ningún problema.
Que beneficios ten a Renda Básica Universal?
No actual momento de crise económica (crise da que non imos saír en
moitos meses), o risco de exclusión social de moitas persoas que
quedaron sen ingresos familiares é moi alto. A Renda Básica Universal
pode remediar este problema dando uns ingresos mínimos que permitan a
estes sectores sobrevivir dignamente sen caer na marxinalidade, vivir na
rúa ou depender da caridade dos demais.
Desde un punto de vista só económico, a Renda Básica Universal tamén
ten beneficios porque pode servir de estímulo á reactivación económica,
dado que o importe que reciban as familias en peor situación vai ser
gastado na súa totalidade para cubrir as necesidades básicas de
alimentación, vivenda, auga, etc. converténdose así nunha axuda
indirecta aos sectores que prestan eses servizos e que poden encontrarse
tamén nunha situación crítica.
Por que deben recibir tódalas persoas a Renda Básica Universal?
Existe unha argumentación demagóxica e manipuladora consistente en
preguntar por que deberíamos todas as persoas pagarlle a sanidade a
Botín, argumentación que se aplicaría inmediatamente á Renda Básica. A
cuestión é que Botín seguramente está a pagar cos seus impostos a
sanidade de centos ou miles de persoas incluído el mesmo, polo que non
ten ningún sentido falar de que lla pagamos os demais cando é xusto ó
contrario. Evidentemente podemos preguntar se Botín debería pagar moitos
máis impostos, cousa bastante razoable, pero a cuestión é que en ningún
caso vai ninguén a pagar a sanidade de Botín cos seus impostos porque
xa a paga el moitas veces. E isto que é aplicable á sanidade serve tamén
para a Renda Básica.
Pero a razón principal pola que todas as persoas deben recibir a Renda
Básica Universal pódese ver se se fai unha análise no tempo: se existe
un grupo de persoas que non cobran a Renda Básica, vaise producir unha
presión dese grupo para a) reducir o importe da Renda e b) aumentar as
condicións para que a xente a poida cobrar, co que iría conseguindo
estes obxectivos de forma paulatina. Ó final este proceso conduce
inexorablemente a unha liquidación da Renda ó convertela en algo
completamente marxinal como son hoxe as pensións non contributivas.
Financiamento da Renda Básica Universal
En primeiro lugar, a Renda Básica Universal ven substituír outros
ingresos como son os do desemprego, as pensións de xubilación, as non
contributivas por situacións extremas ou as de dependencia. No caso das
pensións de xubilación e de dependencia, en lugar de substituír a
pensión, a Renda Básica debe simplemente restarse do total para non
prexudicar ás persoas interesadas, para que non cobren menos.
A Renda Básica Universal ten outra vantaxe: ó non estar condicionada a
ningunha situación extrema, non existe ningún incentivo para permanecer
en situación marxinal para seguir cobrando, co cal a xente pode intentar
saír dela sen medo a perder os poucos ingresos que recibe porque non
dependen de en que situación estea en cada momento.
Ademais de substituír outros ingresos, o financiamento da Renda Básica
debe vir por un aumento dos impostos: a) aumento do IRPF ata acadar
niveis europeos, b) imposto do patrimonio, c) imposto de sucesións, d)
impostos as empresas que explotan recursos naturais, públicos ou os
contaminan, como as enerxéticas (hidráulicas, eólicas, centrais
térmicas, etc.), as autoestradas de peaxe, os bancos, etc.
As escusas neoliberais
É evidente que as persoas neoliberais se van opoñer á Renda Básica
Universal porque non lles entra na cabeza ningún tipo de actitude
solidaria senón que, para elas, todo é mercancía ou mercantilizable. A
primeira escusa que van presentar contra a Renda é que vai fomentar o
parasitismo social e que moita xente vai deixar de traballar en canto
cobre uns ingresos seguros de forma indefinida. Isto é moi pouco
probable: as persoas temos ansias por mellorar, cousa que sempre
intentamos. Así o que cabe esperar é que a Renda Básica sirva de solo de
seguridade para empezar a buscar algún tipo de traballo ben como
asalariado ben como autónomo.
De todos os xeitos, comparando o que esta situación minoritaria pode
custarnos con todos os millóns que se lle van meter ó sector bancario
para reflotar as súas incompetencias e malversacións, resultaría que
estamos a falar do chocolate do loro. E incluso así, a Renda Básica das
poucas persoas que pretendan vivir só con ela repercutiría positivamente
na economía dado que terían que gastala enteira para cubrir as súas
necesidades máis básicas, co cal se produciría certa reactivación.
Finalmente cabe subliñar algo que seguro lles gustará ás persoas
neoliberais, esa xente de orde, e é a redución da delincuencia orixinada
polas situacións marxinais causadas pola crise, co conseguinte aforro
en gastos policiais e xudiciais.
A cuestión non é que non haxa alternativas á crise actual senón se
temos capacidade técnica para deseñalas e vontade política para poñelas
en marcha.