O Novo Proxecto Común (NPC) de Beiras e o Compromiso por Galicia (CxG)
están constituíndose como novas forzas políticas que, cabe supoñer,
acabarán uníndose nunha coalición electoral, coa axuda do cinco por
cento da lei electoral. A pregunta é se repetirán os mesmos erros que
levaron o BNG a esmorecer para terminar escindíndose.
1.- O primeiro erro do BNG foi abrirse ó centro nun intento de
ampliar a súa base electoral, o que provocou unha dilución do seu perfil
de esquerda. O seu posible electorado galeguista sensible ó social non
ve que o BNG poña no primeiro plano a oposición dereita / esquerda senón
máis ben o seu obxectivo da construción nacional. A dereita
estannos desmontando todos os servizos públicos (a educación, a
sanidade, etc.), a xente hipotecada queda sen traballo e bótana do piso,
perde os aforros nas preferentes, etc.; pero o que transmite o BNG é
que a solución para todo é que sexamos nación e falemos galego.
A cuestión para o novo nacionalismo do CxG é se ten cabida nel Rafael
Cuiña e outras persoas de Acción Galega, cun perfil tan centrista que
non leva a crer que estean realmente interesados en transformar a
realidade social. Unha pregunta sen resposta é que facía o BNG nas
eleccións europeas xunto ó PNV e a CiU, dúas forzas conservadoras, cando
pode constituír unha lista electoral con cataláns e vascos, si, pero
con ERC e EA, que son partidos de esquerda. Non se entende incluso que
non constrúan unha alianza a nivel de España para defender propostas
comúns: non é o mesmo ver dous deputados do BNG perdidos no grupo mixto
do Parlamento de Madrid que un grupo parlamentario forte formado por
todos os partidos nacionalistas de esquerda do Estado, o que sería moito
máis atractivo electoralmente. Van o NPC e o CxG constituír alianzas con outras forzas do Estado ou van ficar illadas de forma tan limitadora como o BNG?
2.- Paralelo ó fallo de dar prioridade ó nacionalismo sobre a esquerda,
o BNG cometeu o erro de non abrirse ós galeguistas que non senten un
nacionalismo identitario. Hai que ter en conta que o nacionalismo
identitario é unha idea romántica do século XIX que ten pouco atractivo
para persoas con mentalidade de século XXI. Cando se deixou de crer en
todo, non se pode pretender que unha persoa moderna adopte o
nacionalismo como se fose unha relixión secular. Do que debe
falar unha forza política progresista é de que medidas quere adoptar
para transformar a realidade social e non de cales son os seus
sentimentos sobre a identidade. No primeiro caso pódese atraer a
galeguistas votantes do PSdG ou de EU; no segundo só caben interminables
discusións metafísicas acerca do ser das cousas, o que non leva a
ningures.
O novo nacionalismo véndenos a idea de que quere abrirse ás persoas
galeguistas, pero logo di que o nacionalismo é a expresión política do
galeguismo, demostrando así que segue sen entender por que o BNG
fracasou no seu intento de converterse nunha forza maioritaria. Deste
xeito non se vai convencer a ninguén: ou se aposta en serio por
incorporar o galeguismo ó proxecto ou queda claro que só se está a
esconder o que se é para intentar enganar ó electorado escamoteando a
palabra "nacionalismo".
3.- Outro fallo do BNG consiste na defensa do nacionalismo desde os
dereitos históricos e non desde os obxectivos que se queren conseguir. A
cuestión non é teolóxica, se Galicia é ou non unha nación con dereitos
históricos, senón para que se quere o dereito a decidir. Para dicilo
claramente, se se reclama a autodeterminación para reproducir a menor
escala a mesma sociedade neoliberal insolidaria que xa temos agora, non
facían falta alforxas para esa viaxe. E se o obxectivo é transformar as
cousas cara a unha sociedade máis xusta que desconstrúa o capitalismo, o
que debería facerse é subliñar o perfil de esquerdas e non diluílo no
nacionalista.
4.- O último erro do BNG ó que nos imos referir é a súa falta de
apertura á nova esquerda, ó ecoloxismo e á rexeneración democrática,
quedando ancorado en vellos modelos políticos. O NPC e o CxG
parece que o teñen claro e reivindican novas formas de facer política. A
pregunta que cabe facer é se son realmente sinceros ou a cousa se
reduce a simple propaganda interesada só para presentarse como algo
novo, desaparecendo todo en canto se empecen a ter resultados
electorais. O Espazo Ecosocialista pretende recoller dentro do
CxG estas novas formas da esquerda desde o ecoloxismo e o galeguismo,
pero non está nada claro que teña a forza suficiente para inclinar a
balanza fronte a un nacionalismo identitario que pode volver a inundalo
todo, especialmente no NPC pola presencia do soberanismo (FPG, Causa
Galicia, etc.), e caer outra vez nos mesmos erros do pasado; o tempo
nolo dirá.
A pesar de que o nacionalismo xogou un papel central na recuperación da
autoestima galega, o sentimento nacionalista ten unha pulsión
identitaria moi forte que admite mal consideracións racionais e que
gusta de caer en políticas de trincheiras, deixando os
galeguistas de esquerda que non queremos ser nin nacionalistas galegos
nin nacionalistas españois en terra de ninguén e vistos como traidores
por ámbolos dous lados.