As condutas irracionais e insolidarias das persoas neoliberais tanto
cos seus conxéneres coma coa natureza reproducen fielmente todas as
eivas presentes nas cativas e nos cativos, coa diferenza de que na
infancia estas deficiencias son connaturais ó proceso de crecemento
mentres que nos neoliberais representan unha falta de maduración
intelectual e emocional.
As cativas e os cativos son ás veces irresponsables cando se poñen a xogar e logo deixan todo tirado polo chan. Os neoliberais tamén o son cando non queren compensar a contaminación e as enfermidades que producen coas súas actividades empresariais. Non teñen reparos en mentir para defender a apropiación dos recursos naturais que esquilman ou para negar o cambio climático que causan, e non queren saber nada do concepto de economía sustentable. Teñen tan pouca responsabilidade coma sentido de estado e prefiren afundir o barco antes que deixar que outra persoa o pilote.
As cativas e os cativos son ás veces irresponsables cando se poñen a xogar e logo deixan todo tirado polo chan. Os neoliberais tamén o son cando non queren compensar a contaminación e as enfermidades que producen coas súas actividades empresariais. Non teñen reparos en mentir para defender a apropiación dos recursos naturais que esquilman ou para negar o cambio climático que causan, e non queren saber nada do concepto de economía sustentable. Teñen tan pouca responsabilidade coma sentido de estado e prefiren afundir o barco antes que deixar que outra persoa o pilote.
As cativas e os cativos non toleran ben as variacións sendo ríxidos nas
súas condutas: cando aprenden a facer algo dun xeito, non admiten que
se lles diga que o fagan doutra forma. Esta conduta ten un sentido na
infancia: a falta de criterios intelectuais para ver as posibles
alternativas leva a que sexa adaptativo facer as cousas sempre igual. As
persoas neoliberais tamén son dogmáticas cando esixen que exista un só
tipo de familia, desequilibrándoas que haxa xente que teña costumes
distintas as súas. A súa agresividade contra o galego responde a esta
eiva mental: non soportan que existan outras formas de vivir, de falar,
de pensar porque necesitan que haxa unha verdade única. Non é realmente
tanto unha descualificación ideolóxica doutras condutas como unha falta
de maduración mental que lles impide asimilar a diferenza.
As cativas e os cativos poden ser incoherentes, tendo condutas
contraditorias no espazo de poucos minutos. As persoas neoliberais fan
exactamente o mesmo cando levantan a bandeira da liberdade como eixe
central da súa posición política para a economía e, acto seguido,
arremeten contra esa mesma liberdade ó deslexitimaren outras formas de
facer as cousas na vida privada da xente: dálles un derrame cerebral ó
pensar que un homosexual pode adoptar un bebé, e queren impoñer unha
clase de cultura relixiosa ós que non queren a clase de relixión. A
pregunta sería por que non son coherentes e deixan que o “mercado” actúe
para que cada quen elixa na súa vida privada o que lle pareza máis
axeitado ás súas crenzas persoais. Tal vez sexa porque non poden
soportar que a xente teña liberdade para ser feliz cando eles están tan
reprimidos coas súas obsesións relixiosas e morais sen sentido.
As cativas e os cativos tenden a ser egoístas: toda a súa atención está
centrada neles mesmos e só perciben ós demais na medida en que afecta
os seus obxectivos. Esta conduta está gravada nos nosos xenes para a
supervivencia dado que na natureza os recursos son escasos. As persoas
neoliberais non superaron este medo inconsciente á morte e seguen presos
dunha cobiza destrutiva irracional unha vez que se ten alcanzado o
necesario para vivir dignamente.
A este medo primitivo as persoas neoliberais súmanlle un intento de
encher o espazo baleiro dunha vida sen sentido cun acaparamento
insaciable de riquezas. Están focalizadas nelas mesmas e non son capaces
de ver nin ás persoas prexudicadas nin ós recursos naturais esquilmados
polas súas accións empresariais irresponsables, tendo escaso sentido de
que é un comportamento ético. Así non teñen ningún problema coa mentira
de facer pasar como solucións á crise actual o que non son máis ca
medidas neoliberais inxustas e inútiles polas que levaban anos
suspirando.
As cativas e os cativos teñen unha representación simplista da
realidade acorde coas súas capacidades intelectuais. A construción
teórica das persoas neoliberais padece deste mesmo simplismo: non
comprenden o funcionamento da sociedade, os seus procesos sistémicos e
as súas causas estruturais. A súa teoría social non é socioloxía senón
psicoloxismo simplista maniqueo: non ven razóns sociais que expliquen a
delincuencia senón que cren que hai persoas “malas”; non analizan a
inxustiza dun modelo educativo ineficaz senón que cren que o alumnado
non se esforza o suficiente; non aceptan que a crise actual sexa
consecuencia da súa obsesión pola desregulación da economía senón que
cren que foron financeiros cobizosos e sen escrúpulos os causantes da
mesma a título individual. Toda a súa comprensión da realidade social
está afastada da socioloxía, que require certo manexo de conceptos
complexos, e redúcese a psicoloxía barata de sobremesa ó alcance de
calquera nena ou neno de doce anos para esconder as súas
responsabilidades.